Lara Méndez creará unha innovadora zona verde na Garaballa que permite conciliar usos lúdicos, agrícolas e ecolóxicos

A alcaldesa anunciou que o proxecto, enmarcado na estratexia de cidade sostible, se aprobará este mércores en Xunta de Goberno.

Lugo contará próximamente con máis de 12.610 m² de novas zonas verdes que, repartidos en tres parcelas ofrecerán un innovador espazo axardinado, nas inmediacións do Barrio Multiecolóxico que se proxecta na Garaballa ao abeiro do programa Life Lugo + Biodinámico.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe os detalles do proxecto co que xa se identifica a estratexia impulsada pola rexedora dende o inicio do seu mandato para transformar a cidade.

“Unha planificación que ten como obxectivo lograr unha adaptación efectiva ao cambio climático, entendendo este non como unha ameaza, senón como un desafío. A oportunidade que se nos brinda para mellorar a calidade das contornas urbanas e o eixo transversal das políticas e da acción deste Goberno non só a nivel medio ambiental senón tamén para a nosa recuperación económica”, afirmou Méndez.

A alcaldesa lucense explicou que a actuación, que sairá a licitación este próximo mércores trala súa aprobación en Xunta de Goberno, “inclúe a creación de 1’2 hectáreas de terreo destinadas a zonas verdes dentro das que terán un especial protagonismo uns novidosos hortos ecolóxicos comunitarios artellados en prol dun obxectivo fundamental: propiciar a dinamización social e aproveitar a súa capacidade terapéutica e didáctica”.

“Conciliamos así convivencia veciñal e produción de alimentos para o que se propoñen hortos axardinados para a agricultura en chan e, para a agricultura en altura, hortos de cultivos verticais en diferentes formatos, “que deixarán unha pegada positiva a nivel ecolóxico e unha mellora na estrutura urbanística da capital mentres desenvolven un papel de concienciación das futuras xeracións neste tipo de prácticas”, sinalou Lara Méndez.

A situación e edafoloxía das parcelas contribuirá á súa produtividade.

A iniciativa contempla a utilización de tres parcelas próximas ao centro comercial de as Termas que foron escollidas polo confort climático que ofrecerán á cidadanía tendo en conta as precipitacións e temperaturas medias que se rexistran neste enclave, así como a viabilidade das especies vexetais que se plantarán.

Trátase de superficies sen elementos naturais nin construcións que lles proxecten sombra, cunha pendente inferior ao 8%, unha dirección de inclinación propicia para a súa drenaxe e, cunha textura de chan que non presentará problemas de anegamento, con niveis axeitados de metais pesados e sales, alén de ricas en materia orgánica o que suporá outra vantaxe para o desenvolvemento vexetal.

A rexedora quixo poñer en valor as boas comunicacións da contorna, “tanto a nivel de liñas de autobús como de carril bici xa que este punto da capital disporá dunha senda ciclista con conexión directa até o centro histórico. Ademais, nas súas inmediacións existen 370 prazas de estacionamento e cinco máis para persoas con mobilidade reducida”.

Harmonía e beleza conxúganse no deseño do espazo, como valor engadido.

Lara Méndez deu conta de que o proxecto creará un espazo cun valor engadido, que sexa esteticamente pracenteiro e apto para o uso de diversos perfís.

“Foi deseñado, en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid, con criterios de harmonía e beleza para que conte con áreas de cultivo que permitan a conexión coa natureza e fomentar o respecto e o coidado polo medio ambiente, áreas axardinadas que potencien a biodiversiade e estimulen os sentidos e áreas estanciais onde sexa agradable socializar e incluso pasar longas xornadas”.

Todas as parcelas contarán cunha serie de elementos comúns:

  • Zonas de hortos. “Coa finalidade de facer un proxecto inclusivo para todas as idades – dende nenos ata maiores – e tamén integrador, tivéronse en conta os posibles perfís de usuarios e usuarias. Para o que se xeraron temáticas e usos propios que contarán con elementos singulares que fagan as parcelas máis atractivas ao usuario obxecto, aínda que estarán abertas a todo tipo de público”, puntualizou Méndez.

Contémplanse así, diferentes tipos de hortos:

  • Horto Cidadán: o seu obxecto é compartir traballo, aprendizaxe e experiencias con xente da comunidade maior de idade. Serán de grandes dimensións e, neles, os bancais estarán a ras de chan, acompañados de espaleiras que permiten diversificar o cultivo.
  • Horto Terapéutico: pretende contribuír á mellora da saúde mental e física da poboación. As persoas utilitarias serán, en principio e por razóns de proximidade, pacientes do Centro de Rehabilitación Lugo Rúa e da Unidade Asitencial de Drogodependencias. Proxectouse en bancais elevados, que facilitarán a realización de tarefas hortícolas.
  • Horto para Maiores: A súa finalidade é servir de terapia en persoas da terceira idade. Diseñouse, como o anterior, en socalcos elevados que favorecerá poder traballalos dende unha postura máis cómoda.
  • Horto Escolar: destinado ao alumnado das escolas, especialmente das máis próximas, para que sexan visitados en compañía do equipo docente e aprendan, dende curta idade e de forma práctica, sobre cultivos. Prevese un uso maioritariamente en días de semana.
  •  Horto Familiar: dirixido a familias con crianzas, estímase que a súa utilización será en fines de semana o que evitará que se solape en horario cos anteriores.
  • Horto Didáctico: a súa principal finalidade é trasladar coñecementos e información ás e aos usuarios das parcelas sobre o seu mantemento e tamén será empregado para a realización de obradoiros afíns.

Igualmente, as parcelas contarán con bancais de cultivo formados por travesas de madeira e recheos de terra vexetal.

A alcaldesa lucense adiantou que “uns irán a nivel do solo e outros serán elevados, pensando e aportar confort aos colectivos con dificultades de mobilidade. A súa altura será a dun asento común (45 centímetros) o que permite acomodarse nos bordos mentres se cultiva”.

A modalidade de agricultura en chan se desenvolverá en socalcos de diferentes dimensións segundo o espazo dispoñible, de maneira que permitan o paso das e dos usuarios e de calquera equipo ou ferramenta de cultivo. Estarán organizados en liñas rectas para facilitar os labores de plantación e rega e permitirán o traballo simultáneo entre varias persoas.

En canto á agricultura en altura poderá facerse benen espaleiras, ben en vertical.

“No primeiro caso, trátase de elementos de 1’5 metros de altura, compostos de postes de madeira nos extremos e tensores de cable de aceiro galvanizado que axudarán a dar uniformidade e orde aos cultivos, funcionando como unha pantalla vexetal. Ubicaranse mantendo unha separación suficiente con relación aos bancais para permitir o paso peonil e de apeiros”, abondou Méndez.

En canto aos cultivos en vertical, serán estruturas metálicas de 2 metros de alto que servirán de apoio para suxeitar as macetas que conterán as plantas, inicialmente amorodos. Cada conxunto columnar estará composto de 84 macetas e contará con sistema de fertirrigación por goteo, electroválvula, regulador de presión, mecanismo de dosificación de nutrintes, programador e dispositivo de recirculación de auga.

A rexedora referiu, alén, que as tres áreas acollerán:

  • Zonas axardinadas. “Que amosarán unha selección de especies aromáticas, arbustivas, tapizantes e herbáceas, baseada en diversas características de interese paisaxístico como a súa forma, textura, cor, fragancia, que atraian polinizadores, etc…”.
  • Zonas estanciais. “Próximas aos cultivos e proxectadas baixo a sombra das árbores dotarémolas de bancos, para facilitar o descanso, e de mesas de picnic – tamén infantís – e randeeiras de dúas prazas para propiciar as relacións interxeracionais da veciñanza”.

Méndez indicou que o mobiliario seleccionado responde a criterios de funcionalidade e durabilidade.

“Os bancos disporanse en estancias informais, baixo as árbores, ao bordo dos camiños e cerca das áreas de cultivo. Serán de formigón, ben cubos de uso individual ou con respaldo con capacidade para tres persoas”.

“As parcelas irán pechadas cun valado baixo de madeira que permita delimitar o espazo sen impedir a visibilidade cara o interior da mesma, de xeito que convide a entrar e haberá aparcabicis para brindar facilidades ás e aos ciclistas e fomentar o uso do carril que se habilitará en Infanta Elena”.

Instalaranse así mesmo papeleiras e fontes de auga de fundición así como letreiros informativos que indiquen o tipo de horto ou permitan ubicarse con maior facilidade dentro do recinto.

Á súa vez, todas as parcelas contará con zonas intersticiais, espazos libres entre as áreas que servirán para a circulación peonil e o desenvolvemento das actividades asociadas ao cultivo.

“As persoas usuarias disporán de edificios de servizo para o almacenamento de apeiros e con aseos, de maneira que complementen e fagan máis cómoda a realización das tarefas hortícolas. As fachadas destas construcións poderán aproveitarse para a práctica da agricultura en altura”, avanzou a alcaldesa.

Localización e usos das parcelas.

O proxecto distribúese en tres parcelas.

A Parcela 1, lindeira coa avenida Infanta Elena e co Edificio Impulso Verde é a de maior visibilidade e tamaño (5.398’31 m²). Contará con hortos cidadáns, terapéuticos e para maiores e incorpora tamén hoteis de insectos para incrementar a biodiversidade.

“Xa que a fauna é importante para manter o equilibrio nos cultivos en tanto manteñen as pragas á marxe. Os hoteis, ademais de ser refuxio, axudan á súa reprodución”, sostivo a rexedora.

Estes terreos albergarán, asemade, xardíns de choiva naturais e artificiais que, se ben no primeiro caso, aproveitarán a escorrentía para dar lugar a espazos delimitados para o crecemento de plantas tolerantes ao anegamento, no segundo prepararanse para recoller a auga da choiva nas cubertas dos edificios.

A Parcela 2, sita entre a confluencia da avenida Infanta Elena co supermercado Lidl (1.940’57 m²), goza dunha alta visibilidade o que a fai apta para a creación de hortos cidadáns e cultivos verticais de amorodos.

E, por último, a Parcela 3, ubicada xunto á Escola Infantil Galiña Azul (5.271’26 m²), se destinará ás crianzas como usuarios principais polo que contará con hortos escolares, familiares e didácticos.

“Na súa configuración tivéronse en conta consideracións especiais como o número reducido de accesos e a colocación de mobiliario e xogos especificos ou mesmo xardineiras que limitarán a superficie de maneira que sexa fácil manter aos nosos nenos e nenas vixiadas. Deixarase unha zona libre, para elementos efímeros ou para eventos que requiran montar toldos, facer actividades, etc e inclúe xardíns verticais e de choiva nas fachadas do edificio e unha pérgola metálica para o cultivo de cabazas pequenas”, adiantou Lara Méndez.

En calquera caso – segundo manifestou a rexedora – os deseños e materiais escollidos foron os menos invasivos coa contorna e puxo como exemplo os seleccionados para o trazado dos camiños (zahorra artificial) e as zonas intersticiais (terra compactada) “que resultan permeables, económicos e con poucas necesidades de mantemento” ao tempo que referiu que “os elementos comúns e os obxectos singulares de cada parcela axudarán á súa identificación e a variedade na forma da presentación dos cultivos será clave para a parte educativa do proxecto que pula pola integración de toda a poboación”.

Xa no que ten que ver co axardinamento desta nova zona verde, a rexedora local destacou que a premisa foi “poder ofrecer un percorrido atractivo para as e os usuarios a través dos distintos espazos. De xeito que nos recintos se adoptarán formas orgánicas, que rompan coa simetría da distribución dos bancais de cultivo e dean lugar a un equilibrio e armonía no seu conxunto”.

Empregaranse para iso macizos e tapizantes – estes últimos cun efecto similar ao do céspede, pero cun nivel de mantemento máis baixo – na busca de pluralidade na cor, na textura e nos aromas e tamén plantas de uso medicinal ou atraentes de polinizadores, así como outras perennes que acheguen cor durante o inverno.

Para o arboredo propóñense froiteiros comestibles e de cortiza vistosa como delimitadores de espazo e xeradores de sombra, e as pérgolas cubriranse con trepadoras que ofrezan resgardo e unha floración vistosa.

Lara Méndez asegurou que a selección de especies vexetais se levou a cabo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela seguindo criterios de tolerancia ás condicións do chan, a adaptación ao clima e o interese paisaxístico.

A actuación terá un prazo de execución de cinco meses e suporá un investimento de 773.662 euros.

Xa para rematar, a rexedora de Lugo relatou que, “logo da súa adxudicación, o primeiro que se fará será unha roza e limpeza total da extensión, xa que a súa topografía sensiblemente plana fai innecesario realizar movementos de terra. Toda vez que estea despexada e limpa, o seguinte será facer o replanteo para conformar o perímetro da obra e os contornos onde se situarán os camiños e socalcos”.

As tres áreas contarán con redes xerais de rego e de drenaxe e tubaxes de reparto de auga con cadansúa chave de peche en todos os bancais.

“O encargo das especies vexetais farase de maneira planificada e coordinada coa evolución que siga a execución da obra para poder plantalas de xeito inmediato aínda que o mobiliario fixo se instalará previamente para evitar danalas durante a súa colocación. Ademais, prevalecerán sempre os métodos biolóxicos, biotecnolóxicos e físicos para o control de pragas e enfermidades”, aclarou a alcaldesa quen tamén indicou que a conservación de todos estes espazos inclúe non só o mantemento de todos os elementos que os integran senón tamén a limpeza diaria dos xogos infantís e do mobiliario, a súa reposición e mesmo a creación dun inventario de todas as unidades existentes nas zonas públicas que se actualizará semanalmente.

A actuación, que dispón dun prazo de execución de cinco meses, terá un custo de 773.662 euros e estará cofinanciada pola Unión Europea e liderada polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación Provincial e o labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid.