Lara Méndez anuncia o novo contrato de mantemento das zonas verdes que duplica a superficie

O Goberno anuncia o novo contrato de mantemento das zonas verdes que duplica a superficie e custará 3.6M€ anuais.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe o novo contrato para o mantemento das zonas verdes do municipio.

“Un prego que abrangue o coidado integral e minucioso dos parques e espazos axardinados da cidade baixo parámetros de sostibilidade e calidade ambiental e que, por primeira vez, inclúe directrices contundentes sobre o control que o Concello exercerá para avaliar o cumprimento e execución das tarefas”, sintetizou a rexedora.

Lara Méndez, acompañada polo edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, deu conta dos detalles máis destacados da adxudicación, cuxas bases foron aprobadas esta mañá en Xunta de Goberno, trámite co que se inicia o procedemento de contratación.

“Falamos dunha licitación tremendamente ambiciosa en tanto se duplica a superficie que quedará atendida pero tamén e, por tanto, multiplica considerablemente o seu custo, pasando, respectivamente de 607.804 m² a 1.366.273 m² e, de 817.951 euros ao ano a 3.667.896 €. O que dá conta da aposta clara e decidida deste goberno por mellorar a calidade de vida da veciñanza, para que atope nestas contornas un espazo marabilloso de ocio, descanso e socialización, ao tempo que contribuímos a incrementar a boa imaxe de Lugo entre lucenses e visitantes, poñendo en valor o noso patrimonio natural”, sostivo a alcaldesa.

A rexedora explicou que o contrato, que terá unha duración de cinco anos, improrrogables, abrangue a totalidade de traballos de conservación e limpeza das zonas verdes. “Fai fincapé, especialmente, no que ten que ver co seu aseo, mantemento e reposición inmediata de especies e elementos do mobiliario urbano co obxectivo de que o bo ornato sexa permamente e que este se acade baixo premisas sustentables e ecolóxicas, en consonancia co modelo de cidade que construímos”, afirmou Méndez.

“A súa entrada en vigor será un antes e un despois para a cidade, en tanto a licitación actual, que databa do ano 2013, deixaba fóra importantes parques como o de Marcos Cela, os polígonos empresariais ou as inmediacións do Pazo de Feiras cuxo acondicionamento supoñía un sobre custo para as arcas municipais”, referiu a alcaldesa.

Lara Méndez apuntou que, “para a elaboración das bases tivéronse en conta, dende o punto de vista técnico, factores como a propia climatoloxía, que resulta un condicionante á hora de acometer en prazo labores como a roza, con repercusións directas sobre o crecemento da vexetación á que tamén lle afectan outras circustancias como o feito de que non esteamos a empregar produtos agresivos que, se ben protexen o ecosistema, por outro lado facilitan a súa proliferación”.

Méndez avazou igualmente que, por primeira vez, establécese un procedemento de avaliación continua para, a través de distintos parámetros, se poida establecer unha supervisión sistemática coa que detectar calquera desviación sobre os resultados esperados e, finalmente traducir a “non calidade” nun índice ou nota que terá repercusión nos pagos mensuais que se realicen á empresa.

“O obxectivo é poñer límite á falta de dilixencia na resolución das incidencias que se comuniquen e reservar a tramitación de expedientes sancionadores só para aqueles supostos máis graves”, matizou a rexedora ao tempo que anunciou que o Concello destinará unha partida anual de 100.000 euros para cubrir os actos vandálicos que se sucedan. “Ademais dotarémonos dun servizo de ronda e vixilancia para tratar de disuadir este tipo de condutas”.

A alcaldesa lucense comunicou que, entre as zonas que abrangue esta licitación, se atopan tamén os canís e os espazos verdes de nova creación que, con motivo de obras futuras, ampliacións, cesións, recepcións de urbanizacións e adquisicións de todo tipo incrementen a superficie de actuación municipal, respectando as mesmas condicións que contempla a adxudicación.

Mencionou, neste senso, a nova área na unidade de actuación CS-5 (Garañón); a parcela do antigo Hospital Xeral; os espazos públicos xa existentes no barrio de O Carme e os que se prevén incorporar; a ampliación do polígono industrial de As Gándaras e as zonas verdes en xeral, resultantes da obras de peonalización e de reurbanización de diversas rúas do centro urbano.

A este respecto, Lara Méndez incidiu especialmente na atención que se lle dará ao Parque Rosalía de Castro, así como aos seis roteiros turísticos existentes no municipio e ás parcelas do Bosque Urbano do “LIFE” situadas entre os Polígonos Industriais das Gándaras e o Ceao.

O Parque de Rosalía, enclave de especial coidado e protección

A alcaldesa de Lugo relatou que, por unha banda, o novo contrato terá en conta a singularidade deste enclave, de maneira que parte das melloras que deben presentar as empresas concorrentes ao procedemento teñen como obxecto renovar ou incrementar os equipamentos deste recinto.

“A maiores de todas as intervencións que dende a área de Medio Ambiente se están realizando nas últimas semanas, con motivo do centenario do parque, pretendemos ir un paso máis aló propoñendo que as ofertas que se presenten contemplen, entre outros traballos, a demolición e substitución de todos os bordos interiores da instalación, a renovación do céspede e do sistema de rego, así como a reparación e substitución das escaleiras dos sendeiros peonís nas Costas do Parque”, sinalou Méndez

“Melloras, que xunto ao arranxo de camiños e semente de céspede no Parque do Miño e na Avenida de Madrid, ou ao acondicionamento do arboredo das Carballeiras e a reposición do mobiliario que conteñen, suman un total de 588.235 €”, abondou.

A rexedora indicou tamén que o novo contrato asumirá – supeditado á sinatura dos correspondentes convenios coa Xunta e a Deputación Provincial – o mantemento dos roteiros turísticos e temáticos que existen no termo municipal – entre eles os do Vello Lugo Agrario, As Ribeiras Altas e o Miño Aberto ou o río dos Muíños – coa execución dunha ducia de rozas e a reparación do mobiliario, das estruturas de madeira e a sinalética.

Tamén terán cobertura as 21 hectáreas de Bosque Urbano “Life” situadas entre os polígonos das Gándaras e o Ceao, cada unha segundo cadansúas características técnicas e que pasarán a depender integramente do Concello xa que até agora se ocupaba do seu mantemento a Universidade.

Así, nas parcelas C4, de 4’1 hectáreas dedicadas á silvicultura con 4.101 frondosas e C5, de 1 hectárea para cultivos enerxéticos con 6.600 plantas, executaranse tarefas de revisión de exemplares, retirada de lixo, e reparación de peches; mentres que a C6, o Souto, que contén 281 castiñeiros, e a C8, o Arboretum – que alberga un total de 535 árbores e arbustos – serán obxecto de accións como a roza ou a recolocación das árbores e titores.

A nova adxucación contempla un incremento en torno ao 68% do persoal e do 12% de medios mecánicos

A rexedora salientou, así mesmo, que a nova adxudicación contempla a contratación de medio cento de operarios, en diferentes postos de traballo, cunha pequena variación que oscila entre os 47 empregados que deben figurar no cadro de persoal en tempada baixa – de decembro a febreiro – e os 52 que debe manter o resto do ano. Esto significa que o cadro de persoal, que é subrogable e actualmente dispón de 31 operarios, experimentará un incremento en torno a un 68%, favorecendo tamén a xeración de emprego.

Igualmente apuntou que a empresa deberá dotarse de medios materiais e mecánicos para executar o seu cometido. En total, pasarase de 166 unidades de maquinaria a 186 (un 12% máis) – a tempo parcial, completo e vehículos – como cortacéspedes, rozadoras, motoserras, sopladoras, tractores, trituradoras e camións basculantes, furgonetas, vehículos multiusos ou remolques, “garantindo a suficiencia de recursos propios e a axilidade e eficacia do servizo”, trasladou Lara Méndez.

“Estamos seguros de que esta licitación complementará á perfección ao tamén novo contrato de limpeza viaria e recollida de lixo, que está a piques de ser adxudicado e cos que pretendemos actualizar dúas das prestacións municipais máis importantes e estimadas pola veciñanza, adecuándoas ás dimensións reais da cidade e ás necesidades da súa poboación”, concluíu a rexedora.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, aportou información máis técnica e detallada sobre a cobertura que dará o contrato, desgranando algunhas das melloras que incorpora. E puxo o foco, nun primeiro momento, nas cláusulas medioambientais, como eixo transversal de todas as políticas do goberno local.

Deste xeito, aclarou que o licitador deberá incorporar todas aquelas innovacións tecnolóxicas, sistemas e procedementos que contribúan á minimización dos impactos ambientais en todos os aspectos relativos á xestión do servizo e asumirá, tamén, as medidas necesarias para conseguir un aforro de recursos.

“Como exemplo, sinalou Fernández, promoverase o aforro de auga nas regas, minimizando o consumo con sistemas economizadores como temporizadores, sistemas de control de fugas, etc”.

O edil de Medio Ambiente referiu que, con relación a este aspecto, “a pesar de que a auga empregada neste cometido será por conta do Concello, a empresa non deberá utilizar máis que a estritamente necesaria, poñendo especial coidado de que non se produzan perdas, porque ese exceso correrá a cargo da adxudicataria”, puntualizou.

Outra das boas prácticas que promove o contrato é a potenciación da compra verde e de produtos con ecoetiquetas e distintivos ecolóxicos, de baixa toxicidade e con poucas emanacións corrosivas, irritantes e sofocantes.

En canto á contaminación atmosférica, a maquinaria utilizada deberá garantir en todo momento a emisión reducida de gases e ruídos. “De feito, os motores unicamente estarán en funcionamento o tempo preciso para o desenvolvemento da actividade, deténdoos cando vaian estar parados máis de tres minutos, alén de circular a unha velocidade reducida e sen realizar aceleracións bruscas”, indicou Miguel Fernández.

O concelleiro deu conta, ademais, de que todos os vehículos que se asignen ao contrato, deberán estar propulsados por motores que garantan o mínimo de emisións, ser electricos, híbridos enchufables ou doutro sistema mellorado. Todos, iso si, de nova adquisición, non admitíndose vehículos de segunda man”, afirmou

Xa no que ten que ver coa conservación e fomento da biodiversidade, o tenente de alcaldesa comunicou que o Concello solicitará a utilización preferente de vexetación autóctona para a reposición ou substitución de exemplares, “o que ademais de ter efectos beneficiosos pola súa facilidade de adaptación ao medio, contribuirá ao mantemento do patrimonio xenético e propiciará a presenza de fauna autóctona vinculada a ela. Ademais, dentro do posible, deberán elixirse sementes que requiran poucos coidados e auga e que sexan capaces de reproducirse autonomamente”, relatou Fernández que tamén apuntou que nos espazos sobre os que se realicen traballos de roza, haberá que reservar algunhas superficies para o desenvolvemento de vexetación espontánea e a conservación da diversidade florística, así como crear zonas de vexetación herbácea que proporcionen acubillo, tranquilidade e alimento a numerosas especies de aves e insectos.

“Son, sen dúbida, premisas ambientais e sostibles, sensibles á conservación ecolóxica da contorna que a empresa debe manter sempre presente dende a aplicación dos tratamentos a base de produtos e procedimientos efectivos, a poder ser ecolóxicos certificados e de eficiencia contrastada que destaquen pola súa inocuidade para os seres vivos, até o mesmo uso de abonos que deberán ser de liberación lenta, evitando a contaminación de nitritos das augas subterráneas e reducindo as necesidades hídricas”, aclarou o edil.

A limpeza e o ornato, principais cometidos da nova licitación

O tenente de alcaldesa subliñou que un dos aspectos nos que este prego pon especial énfase é no aseo de todas as zonas verdes que inclúe o contrato.

Así, Miguel Fernández puxo de manifesto que as segas pasarán a realizarse coa frecuencia necesaria para que as plantas non alcancen unha altura tal que estética ou fisioloxicamente supoñan un prexuízo para o propio céspede ou o seu desmerecemento, fixándose, á súa vez, como altura máxima admisible da herba os 3 centímetros e establecéndose un prazo máximo entre segas de 8 días de marzo a outubro (ambos inclusive), e de 12 días de novembro a febreiro

“Esta atención, iclúe a retirada da vexetación de crecemento espontáneo, malas herbas, restos de labores de sega, recortes e podas, como a dos desperdicios e lixos que por calquera procedemento cheguen ás zonas verdes, dedicándolle un esforzo constante e meticuloso á limpeza de todas as superficies comprendidas dentro do perímetro dos parques, xardíns e zonas verdes obxecto do contrato, especialmente nos paseos, nos espazos de xogo infantil – onde a area se substituirá tres veces ao ano – e nos parques biosaudables para que estean libres de follaxe, cristais, botellería, elementos metálicos, terra, pedras ou calquera tipo de sucidade”, sostivo o concelleiro.

O contrato atenderá tamén á conservación de camiños, paseos e prazas incluíndo o renivelado do terreo, a reparación de cunetas, zonas de repouso, arquetas e plataformas.

Unha vez cada dous meses, como mínimo, procederase á limpeza periódica e desatasco dos sumidoiros, arquetas e canalizacións de pluviais existentes nos mesmos.

O edil de Medio Ambiente falou tamén dos canís, en tanto a empresa asumirá o mantemento de toda a infraestrutura – chan, paseos, carteis – así como o corte e rega do céspede, árbores e arbustos, retirada de excrementos, recheo de ocos ou foxos, subministración e colocación das bolsas e luvas hixiénicas e, en caso de estar formadas as superficies por pavimentos duros, farase unha limpeza diaria con mangueira a presión.

Como mínimo dúas veces ao ano retirarase a area, substituíndoa por outra desinfectada e non contaminada, e unha vez por semana como mínimo realizarase, por motivos sanitarios, un tratamento desinfectante, para evitar infeccións e a propagación e transmisión de pragas e enfermidades.

“En definitiva, unha atención integral que será extrapolable a todas as zonas verdes xa que esta licitación aborda, asemade, a conservación das xardinerias – coa renovación constante das plantas de flor – alcorques, fontes, ao igual que o resto de mobiliario urbano como bancos, mesas de madeira, etc sobre os que se fará como mínimo un repintado anual e unha limpeza integral dos mesmos cada 6 meses”, engadiu Fernández.

A conservación vexetal, piar dos coidados ao medio ambiente

O responsable de Medio Ambiente anunciou que o contrato pon énfase, á súa vez, na conservación das especies. Unha tarefa que ten por obxecto non só a preservación dos exemplares nun correcto estado sanitario e fitosanitario, senón tamén garantir a seguridade das persoas. “O que resulta especialmente significativo, dado que unha parte importante do arboredo urbano está constituído por exemplares adultos”.

Miguel Fernández asegurou que será responsabilidade da adxudicataria a planificación, desenvolvemento, seguimento e control da sanidade vexetal debendo asumir dende a reparación das reixas dos alcorques, até a eliminación de ramas perigosas, rotas, secas, enfermas e tamén daquelas outras baixas que impidan ou dificulten a circulación de viandantes ou vehículos, supoñan interferencias cos cableados aéreos, quiten visibilidade ás sinais de tráfico, aos semáforos, puntos de luz, así como levar a cabo un labor de diagnose, detención e tratamento de pragas e enfermidades para eliminar calquera perigo que poida derivar destas eivas.

“Precisamente, dentro dos labores preventivos, o adxudicatario deberá asumir o estudo de risco, fracturas, caídas ou esborralles de árbores e ramas, problemas de ancoraxe etc., realizando cada ano a análise dun mínimo de 30 unidades para coñecer a súa evolución”, dixo.

O control da calidade dos traballos: principal garante do cumprimento do contrato

O tenente de alcaldesa, explicou tamén que a empresa deberá presentar un novo inventario completo e integral de todas e cada unha das zonas verdes, que se actualizará de forma continua.

“Esto comprende o levantamento dun plano a escala de todas e cada unha das zonas no que figuren todos os elementos constituíntes das mesmas – bancos, fontes, papeleiras, farois, árbores, arbustos, etc… que se entregará tanto en soporte papel como informático, propiciando a incorporación dos datos á plataforma do Smart City”, relatou Miguel Fernández.

Ademais, establecerase un servizo de ronda e vixilancia sobre as áreas de xogo infantís, para facer fronte, sen demora, a situacións de emerxencia e solucionar os problemas que se detecten, facendo a continuación un informe detallado das incidencias ocorridas e co obxectivo de disuadir que se cometan actos vandálicos.

A prestación inclúe, asemade, o peche e balizamento das zonas axardinadas ante a sucesión de fenómenos meteorolóxicos adversos, nos que ademais de colocar a sinalización con toda a información sobre as restricións de paso, deberá tomar as precaucións necesarias para evitar que a cidadanía corra algún tipo de perigo como consecuencia da caída de ramas ou outros elementos que compoñan estas zonas.

Xa para rematar, Miguel Fernández apuntou que, dentro do contrato foi reservada unha partida anual que se destinará a campañas de información co fin de promover a sensibilización e educación ambiental.

“Dende o goberno local pulamos pola conservación e uso adecuado dos parques. Unha tarefa que nos compete a todas e todos, o que fai necesaria a corrección de determinados comportamentos co fin de promover o cambio de hábitos, de mentalidade e de costumes entre a cidadanía. Por iso dedicaremos unha parte do investimento neste servizo a promover a participación activa da sociedade, para que non só estea suficientemente informada dos recursos que ten á súa disposición, senón tamén de cal é a forma máis axeitada de utilizalos, dos beneficios ambientais que conleva ese traballo conxunto e das obrigas e dereitos que, a ese respecto, xa regulan as propias ordenanzas municipais”, rematou o concelleiro.